martes, 15 de marzo de 2022

Idus de Marzo



Hoxe fai 2066 anos que morría asasinado en Roma o político, militar e escritor romano Xulio César.
Odiado polos pobos que conquistou e por moitos estudantes de latín e, sen dúbida, unha das personaxes históricas que máis fascinación ten causado.

S.T.T.L. 

luns, 7 de marzo de 2022

NON, E SEMPRE NON, ÁS GUERRAS

 


Ala vai uns dous anos neste mesmo blog escribíavos unha frase épica “(…) estamos a vivir un momento histórico (…)” que, aínda que son unha amante da Historia, non quero ter que volver a pronunciar na miña vida.

Volvemos a vivir circunstancias excepcionais, xa que facía uns 80 anos que en Europa un país non invadía outro país. Non quedan case avós e avoas que vivisen aquel momento e a memoria destes tráxicos sucesos está xa soamente nos libros. Sen embargo, a guerra que estes días está presente a todas horas en xornais, radios e televisións comeza a acordar pantasmas do pasado en moitos de nós.

Se algo sabemos é que un momento histórico non se pode comparar a outro e que unha personaxe histórica non é nunca igual a outra; pero, o que si nos pode ensinar a HISTORIA é o que NON queremos que se repita NUNCA MÁIS.

O século XX foi un tempo convulso: pandemias, graves crises económicas, ditaduras de todo tipo e dúas Guerras Mundiais que practicamente destruíron o noso continente. Parecía que despois da caída do Muro do Berlín e o fin da Guerra Fría  conseguiramos deixar todo aquelo atrás.

A maior parte de Europa vivía, ou intentaba vivir, en paz, en sociedades democráticas nas que o pobo escollía libremente aos seus representantes, onde os nenos e as nenas podían ir á escola, onde a sanidade era gratuíta ou practicamente gratuíta e na que homes e mulleres fora cal fora as súas crenzas, ideoloxías, orientación sexual ou identidade de xénero eramos LIBRES e IGUAIS, ou polo menos case iguais.  

O invasión do pasado xoves non foi so o inicio dun novo conflito armado senón tamén a creba do soño europeo de construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Despois de semanas de tensións diplomáticas, o exército ruso invadiu un país soberano violando toda norma de Dereito Internacional. Pero nesta guerra non hai malos nin bos, non vai haber vencedores e vencidos porque, como en calquera conflito, o único que hai son grandes perdedores, o pobo ucraíno e o pobo ruso.

Os ucraínos, que o mércores pasado ían ao traballo ou a escola como un día calquera, hoxe ven como as súas casas son destruídas, as súas cidades asediadas, millóns de cidadáns foxen da guerra e miles de mortos comezan a encher as rúas e, mentres, o pobo ruso ten que calar xa que as súas liberdades e dereitos fundamentais están en serio perigo e as consecuencias dunha guerra sobre a que saben máis ben pouco grazas á propaganda do Estado comezan a estrangulalos economicamente.

É evidente que son eles os que levan a peor parte e que nós desde o confort dos nosos salóns simplemente observamos horrorizados unha realidade que ata o mércores pensabamos que era cousa doutras rexións do planeta. Pero esta guerra tamén vai estar canda nós; imos ver como, unha vez máis, o prezo da vida sube, como algúns perderán os seus empregos, como os nosos veciños non terán para comer ou pagar a luz e como cada vez que prendamos a radio ou abramos un xornal a máis grande das barbaries vainos mirar directamente aos ollos.

Pero novamente, nós todos cidadáns europeos somos os que temos que dar unha resposta histórica de igual xeito que fixemos con anterioridade. Temos que defender as nosas liberdades e as nosas democracias e estender estas ao resto do mundo; pero defender non significa impor pola forza. Temos que loitar por chegar a un entendemento, por entender aos que pensan, cren e falan diferente de nós, por axudar a todos aqueles, sexan do bando que sexan, a conseguir acordos que permitan acabar coa masacre e restaurar os principios desa Europa libre, xusta e democrática na que todos queremos vivir.

É máis que evidente, despois de 11 días de guerra, que non é nin vai ser unha tarefa fácil, que nós os cidadáns de a pé queremos axudar pero non sabemos ben como. Que os nosos gobernantes están a tomar unha serie de medidas que tampouco saben ben se chegaran a ser efectivas e mentres tanto miles de ucraínos e rusos están condenados.

Sen embargo, NON debemos perder NUNCA a esperanza nun futuro máis libre, máis xusto e máis democrático.