NON, E SEMPRE NON, ÁS GUERRAS
Ala vai uns dous anos neste mesmo blog escribíavos unha frase épica “(…) estamos a vivir un momento histórico (…)”
que, aínda que son unha amante da Historia, non quero ter que volver a
pronunciar na miña vida.
Volvemos a vivir circunstancias excepcionais, xa que facía uns 80 anos que
en Europa un país non invadía outro país. Non quedan case avós e avoas que
vivisen aquel momento e a memoria destes tráxicos sucesos está xa soamente nos
libros. Sen embargo, a guerra que estes días está presente a todas horas en
xornais, radios e televisións comeza a acordar pantasmas do pasado en moitos de
nós.
Se algo sabemos é que un momento histórico non se pode comparar a outro e
que unha personaxe histórica non é nunca igual a outra; pero, o que si nos pode
ensinar a HISTORIA é o que NON queremos que se repita NUNCA MÁIS.
O século XX foi un tempo convulso: pandemias, graves crises económicas, ditaduras
de todo tipo e dúas Guerras Mundiais que practicamente destruíron o noso
continente. Parecía que despois da caída do Muro do Berlín e o fin da Guerra
Fría conseguiramos deixar todo aquelo atrás.
A maior parte de Europa vivía, ou intentaba vivir, en paz, en sociedades
democráticas nas que o pobo escollía libremente aos seus representantes, onde os
nenos e as nenas podían ir á escola, onde a sanidade era gratuíta ou
practicamente gratuíta e na que homes e mulleres fora cal fora as súas crenzas,
ideoloxías, orientación sexual ou identidade de xénero eramos LIBRES e IGUAIS,
ou polo menos case iguais.
O invasión do pasado xoves non foi so o inicio dun novo conflito armado senón
tamén a creba do soño europeo de construción dunha sociedade máis xusta e
igualitaria. Despois de semanas de tensións diplomáticas, o exército ruso
invadiu un país soberano violando toda norma de Dereito Internacional. Pero nesta
guerra non hai malos nin bos, non vai haber vencedores e vencidos porque, como
en calquera conflito, o único que hai son grandes perdedores, o pobo ucraíno e
o pobo ruso.
Os ucraínos, que o mércores pasado ían ao traballo ou a escola como un día
calquera, hoxe ven como as súas casas son destruídas, as súas cidades asediadas,
millóns de cidadáns foxen da guerra e miles de mortos comezan a encher as rúas
e, mentres, o pobo ruso ten que calar xa que as súas liberdades e dereitos
fundamentais están en serio perigo e as consecuencias dunha guerra sobre a que
saben máis ben pouco grazas á propaganda do Estado comezan a estrangulalos economicamente.
É evidente que son eles os que levan a peor parte e que nós desde o confort
dos nosos salóns simplemente observamos horrorizados unha realidade que ata o
mércores pensabamos que era cousa doutras rexións do planeta. Pero esta guerra
tamén vai estar canda nós; imos ver como, unha vez máis, o prezo da vida sube,
como algúns perderán os seus empregos, como os nosos veciños non terán para
comer ou pagar a luz e como cada vez que prendamos a radio ou abramos un xornal
a máis grande das barbaries vainos mirar directamente aos ollos.
Pero novamente, nós todos cidadáns europeos somos os que temos que dar unha
resposta histórica de igual xeito que fixemos con anterioridade. Temos que
defender as nosas liberdades e as nosas democracias e estender estas ao resto
do mundo; pero defender non significa impor pola forza. Temos que loitar por
chegar a un entendemento, por entender aos que pensan, cren e falan diferente
de nós, por axudar a todos aqueles, sexan do bando que sexan, a conseguir
acordos que permitan acabar coa masacre e restaurar os principios desa Europa
libre, xusta e democrática na que todos queremos vivir.
É máis que evidente, despois de 11 días de guerra, que non é nin vai ser unha
tarefa fácil, que nós os cidadáns de a pé queremos axudar pero non sabemos ben
como. Que os nosos gobernantes están a tomar unha serie de medidas que tampouco
saben ben se chegaran a ser efectivas e mentres tanto miles de ucraínos e rusos
están condenados.
Sen embargo, NON debemos perder NUNCA a esperanza nun futuro máis libre, máis
xusto e máis democrático.
Ningún comentario:
Publicar un comentario